AVISOS
07/04/2021
10 ANOS, 10 AUTORES, 10 LIBROS
A Biblioteca de Galicia segue a celebrar o seu décimo aniversario

A partir do mes de abril na programación especial polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia tomarán o protagonismo algúns dos narradores máis destacados das nosas letras.

 

A Biblioteca de Galicia convidará a dez dos nosos autores máis representativos para que compartan co público asistente as súas experiencias en torno a unha obra senlleira da literatura galega. O obxectivo non será que falen da súa propia obra, senón dalgún título da nosa literatura, seleccionado por eles mesmos, que lles marcara na súa traxectoria como lectores e, sobre todo, como creadores de literatura.

 

O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia será o escenario para poder coñecer as influencias literarias dalgúns dos nosos autores máis lidos actualmente. Nesta experiencia estarán acompañados por persoas relevantes da nosa cultura coas que artellarán unha conversa seguro que única e sorprendente.

 

Os cinco primeiros escritores do ciclo “10 anos, 10 autores, 10 libros” poderanse escoitar na BdG en venres alternos dos meses de abril, xuño e xullo.

 

- Arantza Portabales (09.04.2021 - 19:00 horas)

- Ledicia Costas (23.04.2021 - 19:00 horas)

- Domingo Villar (04.06.2021 - 19:00 horas)

- María Solar (18.06.2021 - 19:00 horas)

- María Canosa (02.07.2021 - 19:00 horas)

 

Nos meses de setembro e outubro volverán as sesións de “10 anos, 10 autores, 10 libros”, con cinco novos autores que anunciaremos proximamente.

 

Lugar: Auditorio do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia

Prazas: 27

Entradas de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura.

Todos os eventos retransmitiranse en streaming na canle de Youtube da Cidade da Cultura.