AVISOS
03/12/2019
13 de decembro. Xornada técnica na Biblioteca de Galicia
O estándar RDA, código de catalogación. Participarán representantes da Biblioteca Nacional de España, da Biblioteca de Catalunya e da Biblioteca das Illes Balears.

A Biblioteca de Galicia organiza unha nova xornada técnica co obxectivo de mellorar a formación e fomentar o intercambio de ideas e experiencias entre os profesionais que traballan nas institucións da memoria galegas. 

O tema sobre o que se artellará esta xornada do segundo semestre de 2019 será o estándar RDA. Aínda que este “novo” código de catalogación está publicado desde o ano 2010, a súa adaptación nas bibliotecas españolas non termina de poñerse en marcha. A Biblioteca Nacional de España, a Biblioteca de Catalunya ou a Biblioteca das Illes Balears son das poucas institucións que están a facer esforzos reais para tratar de implementar RDA nos seus procesos de catalogación. 

Na xornada estarán presentes representantes destas tres bibliotecas para transmitirnos como están   a traballar para adaptarse a RDA e cales son os principais atrancos cos que se están a atopar. Para rematar a xornada haberá unha mesa de debate para achegarnos ao estado da cuestión nas bibliotecas galegas.

Baixo o título “RDA: estado da cuestión” esta nova xornada terá lugar o día 13 de decembro no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. O horario será de mañá, entre as 10:00 e as 15:30 horas.

Como nas xornadas anteriores a inscrición poderá realizarse, a partir do martes 3 decembro ás 09:00 horas, e ata completar as 105 prazas dispoñibles, na web http://www.cidadedacultura.gal/

De esgotarse as prazas dispoñibles abrirase unha listaxe de agarda. Para apuntarse nesa listaxe haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo bibliotecadegalicia@xunta.gal