AVISOS
30/09/2022
Ano Santo: o rexurdimento dun camiño para todos e todas
A Biblioteca de Galicia inaugura unha nova exposición co Ano Xacobeo como referencia

A mostra bibliográficaAno Santo: o rexurdimento dun camiño para todos e todas” brinda unha ollada rápida á evolución do fenómeno xacobeo nos últimos setenta anos a través dos seus documentos. Nesta nova exposición programada pola Biblioteca de Galicia permite achegarse tanto a material impreso vencellado á organización e promoción dos Anos Santos, como a diferentes obras de creación xurdidas da vivencia dos homes e mulleres que fixeron o Camiño.

A exposición segue unha ordenación cronolóxica que comeza no 1954, cando o Ano Santo aínda era no esencial unha manifestación de espiritualidade católica. A produción bibliográfica de 1965, o ano da primeira grande implicación das administracións públicas na promoción do Camiño como evento turístico, é a seguinte parada desta exposición. Neste proceso de afirmación relixiosa primeiro, e de posterior desbordamento da dimensión relixiosa en favor dun enfoque turístico, destácanse as figuras do Cardeal Quiroga Palacios e de Manuel Fraga Iribarne.

A relativa calma dos anos xacobeos de 1971 e 1976 foi substituída polo impacto da visita do Papa Xoan Pablo II en 1982, a única ata o momento dun Pontífice de Roma a Santiago nun Ano Santo. Xornais, libros e folletos das coleccións da Biblioteca serán os vehículos que permitirán recordar o vivido naqueles anos.

Respecto dos anos santos posteriores búscase amosar a progresiva dimensión internacional acadada polo Camiño, unha internacionalización na que o Xacobeo, sen prescindir da dimensión turística promovida pola actuación institucional, ven de acadar unha dimensión espiritual que non se cingue a unha crenza relixiosa determinada.

Máis de 45 pezas dos fondos da Biblioteca de Galicia, desde libros, a periódicos, calendarios ou vídeos, serán as que permitan achegarse á historia da celebración dos anos xacobeos, un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia.

A mostra poderá visitarse ata finais de novembro.