Este venres 4 de xuño, a Biblioteca de Galicia retoma o seu ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros. Despois de escoitar a Arantza Portabales falando de Que me queres amor? e a Ledicia Costas de Cartas de inverno, tócalle agora a quenda a Domingo Villar. O autor de Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco, seleccionou o libro de relatos Cousas de Castelao como protagonista da súa charla.
Este conxunto de narracións breves, na que tamén se pode desfrutar do talento do Castelao debuxante, foi publicada por primeira vez no ano 1926. Moitos a consideran a mellor obra literaria do gran intelectual galego e mesmo aparece descrita como título fundacional da prosa galega, ao mesmo nivel que outras obras do canon literario en galego, como Cantares gallegos.
A obra coa que Castelao creou un xénero novo e persoal e na que reflectiu a súa interpretación de Galicia, será a que artelle a conversa do creador do inspector Leo Caldas, unha das personaxes literarias máis esencialmente galegas dos últimos tempos. Seguindo a pauta dos anteriores encontros de 10 anos, 10 autores, 10 libros, Domingo Villar compartirá as súas impresións e recordos desta obra de Castealo co libreiro, e tamén escritor, Xacobe Pato.
De seguro que a visión que nos ofrecerán de Cousas o escritor e o libreiro será única, innovadora e diferente.