Un ano máis a Biblioteca de Galicia, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), celebra o Día da Ilustración. Este 30 de xaneiro, data de nacemento de Castelao, o ilustrador homenaxeado é un dos pais da banda deseñada en galego, Reimundo Patiño. O nome deste ilustrador e pintor coruñés súmase así aos de Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas e Lolita Díaz Baliño, figuras homenaxeadas nos anos anteriores.
Nacido en 1936, a súa infancia está marcada pola posguerra e a enfermidade. Unha doenza ósea fará que teña que estar encamado dos cinco aos dez anos, tempo no que a súa familia vive en Monforte de Lemos. As circunstancias vitais dos seus primeiros anos deixarán unha grande influencia na súa obra.
A Coruña e Madrid serán as dúas cidades determinantes na vida de Reimundo Patiño. En 1949 comeza o seus estudos na Escola de Comercio da cidade herculina e un traballo relacionado coa súa formación será o que o leve a vivir a Madrid en 1958. A formación de Reimundo Patiño en todos os ámbitos artísticos que cultivou foi basicamente autodidacta. Ademais de pintor, ilustrador e gravador, Patiño tamén foi poeta, crítico e teórico da arte, prologuista e unha persoa cun gran compromiso político e social.
Nos seus anos mozos na Coruña funda co seu amigo Xohán Casal a Liga Nórdica e a Unión de Artistas Ceibes. Xa en Madrid será o grupo Brais Pinto no que compartirá as súas ideas antifranquistas, de profunda defensa do galego e da necesidade dunha renovación e modernización da cultura de Galicia. O seu compromiso político fará que sexa un dos impulsores da Unión do Pobo Galego e a súa concepción da arte levarao a ser un dos cofundadores do Taller Redor, a primeira galería de arte experimental española. En 1980, cinco anos antes da súa morte, incorpórase a Atlántica, grupo de artistas multidisciplinares que tentou modernizar a plástica galega.
Reimundo Patiño desenvolveu unha moi persoal linguaxe artística. Expresionista, informalista, suarrealista, á arte pictórica de Patiño pode describirse baixo varios adxectivos. Na súa concepción dramática da pintura aparecen desde aspectos futuristas, a figuras que se moven entre o antropomórifico e o zoomórfico, ou elementos da tradición galega, como a inconografía vencellada aos petroglifos. A obra artística de Patiño reflicte unha revolución permanente dun imaxinario moi persoal e cun colorido constatado.
Esa linguaxe artística propia non só se reflicte nos seus cadros. Os seus cómics ou as ilustracións que fai para algunhas obras de importantes autores deses anos, como os seus amigos Xohán Casal ou Méndez Ferrín, tamén son boa mostra dela. A través das obras impresas relacionadas dalgún xeito ao nome de Reimundo Patiño, a Biblioteca de Galicia quere contribuír ao homenaxe que se lle fai esta ano polo Día da Ilustración.
“Reimundo Patiño: o desacougo creador”, é unha mostra bibliográfica na que se poderán contemplar, entre outras, a obra fundacional da actual banda deseñada galega, 2 viaxes, que Reimundo Patiño publicou xunto a Xaquín Marín en 1975, ou o seu libro póstumo de poemas, Brétemas neboentas, editado por Espiral Maior en 1992. Catálogos sobre as súas exposicións, os seus limiares na revista Cadernos da Gadaña, as súas ilustracións en monografías e revistas, ou o seu cómic O home que falaba arameo son algunhas das outras obras que completan a exposición. Ademais, e grazas a colaboración do Museo Carlos Maside, expoñeranse as reproducións dixitais dalgunhas das doce serigrafías que compoñen o cómic mural que creou Reimundo Patiño, O home que falaba vegliota, e que pode definirse como unha das obras máis orixinais do recente arte contemporáneo galego.