AVISOS
18/05/2020
A Biblioteca de Galicia volve a abrir as súas portas o 18 de maio
Información sobre os servizos que ofrece a Biblioteca de Galicia durante a fase 1 da desescalada

Desde o luns 18 de maio, a Biblioteca de Galicia abre de novo as portas aos seus usuarios cumprindo co establecido na Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

En aplicación da citada orde as actividades autorizadas na Biblioteca de Galicia serán as seguintes:

  • Información bibliográfica e bibliotecaria.
  • Préstamo e consulta en sala dos fondos custodiados na biblioteca. As obras poderán ser solicitadas polos usuarios (preferentemente mediante petición ou reserva anticipada) e serán proporcionadas polo persoal da biblioteca.
  • A petición previa dos fondos poderá realizarse a través do correo electrónico bibliotecadegalica@xunta.gal ou nos teléfonos 881 999 279 / 981 545 070. Proximamente habilitarase nesta web un formulario creado expresamente para a solicitude online do préstamo en sala das obras da Biblioteca de Galicia.
  • O usuario será informado, ben por teléfono ou por correo electrónico, do día no que poderá acudir a consultar a obra solicitada.

No tempo en que estea vixente a Orde SND/399/2020, a Biblioteca de Galicia NON prestará, entre outros, os seguintes servizos:

  • Estudo en sala.
  • Préstamo interbibliotecario.
  • As coleccións en libre acceso (obras conservadas na sala de consulta) permanecerán pechadas ao público.
  • NON se poderá facer uso dos computadores de acceso a Internet da biblioteca destinados para o uso público dos cidadáns, así como dos catálogos de acceso público.

Cumprindo o que establece a Orde SND/399/2020 a Biblioteca de Galicia abre as súas portas cunha redución do aforo do trinta por cento (30%) para garantir que se cumpren as medidas de distancia social (2 metros). En total os postos de consulta da biblioteca quedan reducidos a 41.

No PDF descargable que acompaña a este aviso ofrécese información máis pormenorizada das condicións da reapertura da Biblioteca de Galicia durante a fase 1 da desescalada.