AVISOS
01/04/2020
Día das Artes Galegas na Biblioteca de Galicia
O 1 de abril é o Día das Artes Galegas. Neste 2020 homenaxease ao mestre do barroco galego Domingo de Andrade

No ano 2015 a Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario” decidiu instituír o 1 de abril como o Día das Artes Galegas. O obxectivo desta celebración é poñer en valor o legado persoal e artístico dos importantes creadores que deu Galicia ao longo da súa historia.

 

O primeiro artista homenaxeado neste día foi o Mestre Mateo, figura intrinsecamente ligada á Catedral de Santiago de Compostela. Para este ano 2020 o plenario da Real Academia Galega de Belas Artes decidiu elixir a candidatura doutro artista estreitamente vinculado ao noso monumento máis internacional. Así, se no ano 2015 homenaxeouse ao mestre do románico galego, no 2020 o artista ao redor do que se articularán todas as actividades do Día das Artes Galegas será o mestre do barroco galego, Domingo de Andrade.

 

Produto do xenio creativo de Domingo de Andrade son algunhas das obras máis universais da arquitectura galega, como a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, a célebre tripla escaleira helicoidal do Convento de Santo Domingos de Bonaval, a sancristía da Catedral de Lugo ou as Casas da Conga e da Parra en Santiago de Compostela.

 

O Día das Artes Galegas é unha das efemérides que está incluída no Calendario do Libro e a Lectura que impulsa a Dirección de Xeral de Políticas Culturais. Por este motivo e para contribuír na posta en valor da figura deste destacado arquitecto galego, a Biblioteca de Galicia publica unha bibliografía na que se poden consultar todas as obras que custodia relacionadas con este artista. Nesta publicación tamén se referenciaron as obras sobre este tema que forman parte das coleccións das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. Compleméntase, ademais, con diferentes recursos web que se poden consultar actualmente sobre Domingo de Andrade.