AVISOS
25/03/2020
Información do COVID-19 en colaboración coa BNE
A Biblioteca de Galicia colabora coa BNE na recolección de información na Internet sobre o COVID-19.

A Biblioteca de Galicia está a colaborar activamente coa Biblioteca Nacional de España na recolección da información que se está xerando estes días na Internet en relación coa crise do coronavirus.

Estamos a colleitar os sitios web de organismos públicos, noticias de medios de comunicación e redes sociais, entre outros, con contidos relacionados coa pandemia do COVID-19 e os seus efectos en Galicia. As webs que colleitamos conteñen información científica, medidas de prevención, cuestións relacionadas co confinamento e as propostas que xorden en relación coa cultura, a educación e o resto de aspectos sociais.

O Arquivo da Web Española, no que participamos desde a Biblioteca de Galicia, consiste na recolección e conservación da información que se xera na Internet. A consulta destes contidos colleitados só se pode facer desde a sede da Biblioteca de Galicia, a da BNE e as do resto de bibliotecas de conservación autonómicas. Pero desde Internet é posible consultar na web http://www.dl-e.es/openwayback/wayback se un sitio en concreto foi arquivado, cando e cantas veces.

Desde a Biblioteca de Galicia, como centro promotor da cultura galega e encargado da conservación e difusión tanto do patrimonio bibliográfico como do resto de materiais que se producen ou editan en Galicia ou en galego, tamén queremos preservar os contidos xerados neste momento na Internet sobre este tema tan excepcional. Se consideran interesante a colleita dalgún contido web específico poden enviar as URLs (direccións web) ao correo electrónico bibliotecadegalicia@xunta.gal. Agradeceremos moito a súa colaboración.

Máis info:

http://www.bne.es/es/AreaPrensa/noticias2020/0317-BNE-trabaja-recoleccion-informacion-Internet-Coronavirus.html

http://www.bne.es/es/Colecciones/ArchivoWeb/index.html