AVISOS
18/03/2021
NA BIBLIOTECA DE GALICIA LESE POESÍA
A poesía é a protagonista no primeiro ciclo de actividades para celebrar os 10 anos da BdG

O Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia será o escenario para que cinco dos nosos poetas fagan unha libre interpretación da súa obra. Sós ou acompañados de música, de imaxes ou da palabra doutros creadores da súa elección, os cinco escritores realizarán unha lectura das poesías, súas ou alleas, que consideren mellores para celebrar os dez anos da BdG.

 

Nesta programación especial polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia non podía deixar de ter protagonismo o xénero literario que lle deu ás nosas letras algunhas das súas obras máis senlleiras.

 

No ciclo “Na Biblioteca de Galicia lese poesía”, que se desenvolverá ao longo das fins de semana de marzo, por ser este o mes no que se celebra o Día da poesía (21 de marzo), no auditorio da biblioteca poderase escoitar a voz dalgúns dos poetas máis destacados da literatura galega actual:

 

- Yolanda Castaño (12.03.2021 - 19:00 horas)

- Antonio García Teijeiro (13.03.2021 - 12:00 horas)

- Alba Cid (21.03.2021 - 12:00 horas)

- ALDAOLADO (María Lado e Lucía Aldao) (26.03.2021 - 19:00 horas)

- Rosalía Fernández Rial (27.03.2021 - 12:00 horas)

 

Lugar: Auditorio do Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia.

Prazas: 27

Entradas de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura.

 

Os cinco eventos retransmitiranse en streaming na canle de Youtube da Cidade da Cultura.