AVISOS
26/03/2020
Novo micrositio: Publicacións dixitalizadas da Real Academia Galega
Galiciana-BDG crea un novo micrositio para as publicacións dixitalizadas da Real Academia Galega

Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia reúne neste novo micrositio (http://biblioteca.galiciana.gal/rag/gl/micrositios/inicio.do) arredor de 900 títulos de monografías e publicacións periódicas fruto da dixitalización dos fondos da Real Academia Galega.

A Biblioteca da Real Academia Galega ten a súa orixe en decembro de 1905. Conta con importantes fondos que resultan imprescindibles para o estudo da cultura galega, como a súa sección de Hemeroteca. Nesta sección consérvanse fondos de máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo dun período de douscentos anos. 76 destes títulos de publicacións periódicas dixitalizáronse dentro da primeira convocatoria, 2018-2019, de subvencións de AMTEGA para a dixitalización do patrimonio cultural galego.

A selección que fixo a Real Academia para o seu proxecto presentado ás axudas de AMTEGA, reúne títulos tan significativos da prensa galega como O Tío Marcos d'A Portela, As Burgas ou Mondariz. Por outra parte, foron seleccionadas un conxunto de revistas americanas, editadas as máis delas polas colectividades galegas que viviron na emigración cubana e arxentina a finais do século XIX e principios do XX, como o Boletín oficial del Centro Gallego de Buenos Aires, Eco de Galicia ou Follas novas. En total foron dixitalizadas nesta primeira convocatoria de subvencións da AMTEGA máis de 135.000 páxinas que contan cun proceso de OCR que permitirá a busca a texto completo.