No proceso de ir incorporando progresivamente novas actividades, sempre seguindo os protocolos e recomendacións publicadas polo Goberno de España e a Xunta de Galicia, a Biblioteca de Galicia ofrecerá de novo desde o luns 1 de xuño o seu servizo de préstamo interbibliotecario. As peticións das obras da BdG dispoñibles para este servizo tramitaranse como sempre a través do correo electrónico bgpi@xunta.gal.
O catálogo de actividades autorizadas na Biblioteca de Galicia queda polo momento, e ata novo aviso, como sigue:
- Información bibliográfica e bibliotecaria.
- Préstamo e consulta en sala dos fondos custodiados na biblioteca. As obras poderán ser solicitadas polos usuarios (preferentemente mediante petición ou reserva anticipada) e serán proporcionadas polo persoal da biblioteca.
- A petición previa dos fondos poderá realizarse a través do correo electrónico bibliotecadegalica@xunta.gal ou nos teléfonos 881 999 279 / 981 545 070.
- O usuario será informado, ben por teléfono ou por correo electrónico, do día no que poderá acudir a consultar a obra solicitada.
- Préstamo interbibliotecario.
Como nestes últimos días a Biblioteca de Galicia NON ofrecerá os seguintes servizos:
- Estudo en sala.
- Libre acceso as obras conservadas na sala de consulta.
- Acceso a Internet e consulta dos recursos electrónicos (DLE e prensa dixitalizada aínda baixo dereitos de propiedade intelectual) nos equipos informáticos da biblioteca destinados para o uso público dos cidadáns.
A biblioteca seguirá informando puntualmente da reapertura progresiva dos seus servizos nesta páxina web, na súa conta de Facebook e no teléfono 981 545 070.