Xornada técnica na Biblioteca de Galicia – Panorama actual da Bibliotecas Autonómicas
-
A Biblioteca de Galicia pecha a programación para conmemorar o seu décimo aniversario cunha xornada técnica que permitirá achegarse á situación das bibliotecas rexionais ou autonómicas en todo o estado español.
-
A xornada terá lugar os días 16 e 17 de decembro e contará con representantes das comunidades autónomas, da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura e Deporte.
-
A inscrición é libre e gratuíta ata completar aforo desde o 3 ao de decembro a través da páxina da Cidade da Cultura - https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/panorama-actual-das-biblioteca...
O día 11 de xaneiro de 2011 a Biblioteca de Galicia abriu as portas da súa actual sede na Cidade da Cultura. Para celebrar estes 10 anos de servizo público desenvolveuse ao longo deste 2021 un programa especial de actividades que incluíu encontros con algúns dos máis destacados novelistas, poetas, ilustradores e ilustradoras ou tradutoras/os da nosa comunidade.
Ademais destes encontros, a Biblioteca de Galicia tamén organizou mostras bibliográficas que permitiron achegar á cidadanía algunhas das obras máis destacadas da súa colección.
Como remate deste ano de celebracións, os días 16 e 17 de decembro o Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia acollerá unha xornada técnica na que estarán presentes representantes dos sistemas centrais de bibliotecas das comunidades autónomas do Estado. Neses dous días os asistentes á xornada poderán coñecer como é a situación de cada comunidade autónoma respecto da organización e xestión das tarefas que habitualmente se lle asignan a unha biblioteca autonómica ou rexional.
A través dos responsables enviados por cada comunidade autónoma, os asistentes á xornada poderán coñecer institucións máis semellantes á Biblioteca de Galicia, como a Biblioteca de Catalunya, a Biblioteca Regional de Madrid Joaquín Leguina ou a Biblioteca de Andalucía, pero tamén modelos como os de Euskadi, que non conta con ningunha institución que se poida considerar biblioteca autonómica ou biblioteca central do seu sistema bibliotecario.
Estarán tamén as bibliotecas autonómicas que exercen funcións de biblioteca pública, como a Biblioteca de Castela e León, que é súa vez a Biblioteca Pública do Estado en Valladolid, ou a Biblioteca Central de Cantabria que integra a Biblioteca Pública do Estado en Santander.
En total poderase coñecer o modelo que se segue en 16 comunidades, ademais do da cidade autónoma de Ceuta, respecto de como se xestionan funcións habitualmente asumidas polas bibliotecas autonómicas como a recuperación, identificación e conservación do seu patrimonio bibliográfico, o impulso de proxectos de dixitalización ou o depósito legal.
Como complemento a esa visión autonómica tamén estarán presentes na xornada representantes da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura e Deporte. A cooperación con ambos organismos é fundamental para levar adiante moitas das tarefas e proxectos que se asumen dende unha biblioteca autonómica en áreas como a dixitalización, a xestión do Depósito Legal ou a as novas normas de catalogación RDA.
Aínda que a xornada está fundamentalmente deseñada para as e os profesionais das institucións da memoria de Galicia, co obxectivo de mellorar a formación e dar a coñecer outras realidades bibliotecarias, a inscrición será libre e gratuíta para calquera persoa interesada a través da páxina web da Cidade da Cultura. A inscrición abrirase o venres 3 de decembro e permanecerá aberta ata completar as 90 prazas dispoñibles.
Para que o maior número de persoas poidan acceder ao que se expoña e debata nesta xornada todas as intervencións retransmitirase por streaming a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura. https://www.youtube.com/channel/UCQGMj6SfOginXz0rUOjadHA