EXPOSICIÓNS
Antonio Fraguas na Biblioteca de Galicia
16 Maio 2019
31 Agosto 2019
Cartel da exposición
Coordinador/a:
Noelia Bascuas Ferreiro

A Biblioteca de Galicia quere contribuír á conmemoración do Día das Letras Galegas 2019, este ano adicado a Antonio Fraguas Fraguas, cunha exposición das obras custodiadas na biblioteca deste prolífico autor.

Esta mostra poderase visitar no vestíbulo de Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia desde o 16 de maio ata finais de agosto e nela trátase de ofrecer unha selección das obras máis significativas de Antonio Fraguas, artellada arredor das facetas máis coñecidas deste apaixonado do coñecemento.

A exposición tratará de achegar aos visitantes á figura de Fraguas como historiador e xeógrafo, coa presenza de obras como Geografía de Galicia, título de referencia aínda hoxe para calquera estudo sobre este tema publicada en 1953. Tamén estarán presentes algunhas das súa obras sobre a Historia de Galicia ou o Colexio de Fonseca, tema da súa tese de doutoramento.

As facetas de Fraguas como articulista, conferenciante e divulgador non poden deixar de estar  reflectidas na mostra bibliográfica, xa que un dos obxectivos deste incansable estudoso da cultura galega ao longo de toda a súa vida foi o de dar a coñecer a cultura da nosa terra.

Por último, nesta exposición poderanse ver algunhas das obras máis importantes de  Antonio Fraguas como etnógrafo e antropólogo. O homenaxeado deste ano é, sen ningunha dúbida, un dos grandes nomes da antropoloxía e etnografía galegas. Os seus estudos nestes campos achégannos a todo tipo de expresións populares, desde o Entroido ata o traxe tradicional galego, e seguen a ser referencia para calquera estudo ou investigación actual sobre estes eidos.