EXPOSICIÓNS
A conquista da existencia
21 Novembro 2022
31 Xaneiro 2023
Cartel da exposición
Cartel da exposición
Coordinador/a:
Patricia Babío Caranzo e Carina Fernández Faya

A Biblioteca de Galicia homenaxea á grande actriz en novembro do 2022, cando se fan 100 anos do seu nacemento.

María Casares foi un referente como actriz e como muller. Chegou ao máis alto na súa carreira profesional, pero tamén creou unha fonda estela co seu paso pola vida. Foi unha nena feliz na súa Coruña natal, filla dunha prohome que chegou a presidente do goberno republicano. Contou con todos os recursos nesa primeira etapa da vida, pero perdeu todo ese favor da Fortuna aos 14 anos, cando estoupa a Guerra Civil e ten que exiliarse a Francia, onde tamén se atopará con outra guerra. Pero é nese momento onde se revela o seu carácter, personalidade e talento non só para sobrevivir, senón máis ben para triunfar sobre os infortunios. Aos 19 anos xa é unha gran actriz de teatro e máis tarde serao de cine. Converterase na musa do existencialismo francés e o público e a crítica renderanlle todos os honores. O seu compromiso cos seus ideais republicanos, coa liberdade, coa solidariedade, coa vida en xeral, fará dela unha muller fóra de serie.

Na Biblioteca de Galicia organizamos varios eventos para achegar o seu percorrido vital ao público co fin de que a nosa paisana sexa moito máis coñecida e recoñecida :

-Unha mostra bibliográfica representativa, na que se poden ver libros, revistas, fotos e documentación sobre a actriz e tamén as diversas edicións das súas memorias. Desde o 21 de novembro de 2022 ata o 31 de xaneiro de 2023.

-Unha bibliografía exhaustiva, para completar a selectiva mostra anterior, onde se recolle todo ou case todo o escrito sobre María Casares ou aquilo no que ela participou.

-Unha liña temporal da súa vida. Nela podes navegar cronoloxicamente polos principais acontecementos da vida de María Casares de xeito liñal ou saltando aos anos que máis che chamen a atención. Cada acontecemento está ilustrado con fotografías, vídeos, audios nos que aparece ela de protagonista ou nos que falan dela. Tratamos de ser bastante exhaustivas, polo que no percorrido da liña temporal poderás achegarte a toda a vida da gran actriz e coñecer mellor a esta gran muller nada en Galicia.

 

Agradecementos : 

Arquivo do Reino de Galicia, Ateneo Republicano de Galicia, Arancha Estévez, Biblioteca Central Rialeda (Oleiros), Casa Casares Quiroga, CGAI, Claudio Rodríguez Fer, Consello da Cultura Galega (Arquivo da Emigración Galega, Arquivo Sonoro de Galicia), Maison Maria Casarès e María Lopo.