EXPOSICIÓNS
As mulleres do Seminario de Estudos Galegos
06 Outubro 2023
31 Xaneiro 2024
Coordinador/a:
Carina Fernández Faya

Nesta mostra reunimos a bibliografía existente na Biblioteca de Galicia relativa ás mulleres que tiveron algún tipo de relación co seminario, ben como socias activas, ben como protectoras, ben como usuarias da súa biblioteca.
Ademais de conformaren unha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia, coma o resto de compoñentes do SEG, estas mulleres entraron en espazos reservados ata o momento só a homes, polo que abriron camiños novos a posteriores xeracións de mulleres.
Moitas delas foron persoas senlleiras, de gran valía e que levaron unha vida de marcada proxección social. Eran parte desas mulleres “modernas” que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e non cun bo casamento. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos e algunhas tamén conseguiron premios profesionais ás súas carreiras.
O golpe de estado do 36 e o franquismo posterior tronzaron de parte a parte estas interesantes e renovadoras iniciativas.
Tanto o feminismo incipiente coma a reivindicación galeguista e o progreso intelectual foron perseguidos e condenados durante toda a ditadura, así coma as persoas que os representaron.
Quen eran esas mulleres? Que foi delas máis aló da súa relación co SEG?
Dar a coñecer mellor o seu labor e as súas vidas é o que se pretende mostrar nesta pequena exposición bibliográfica. Nela reúnense algunhas das publicacións que estas mulleres presentaron no seminario, outras publicacións delas posteriores á súa relación co seminario e varias obras doutros autores ou da prensa que falan sobre as súas obras ou as súas vidas.
Os sectores nos que traballaron van desde a filoloxía ou a pedagoxía á química, pasando pola historia, pedagoxía, bibliografía...
Moitas delas foron profesoras universitarias, de instituto, outras farmacéuticas ou bibliotecarias, algunhas compaxinaron as súas profesións coas súas investigacións ou con cargos públicos.
A súa capacidade e formación permitíronlles acceder á Residencia de Señoritas de Madrid e tamén a bolsas de estudo no estranxeiro. Esta residencia foi o primeiro centro destinado a fomentar a ensinanza universitaria para mulleres en España e estivo moi relacionado co Instituto Internacional, que promovía o intercambio con universidades americanas.
 
Entre as socias activas atopamos a :
•    Carmen Sierra Domínguez
•    Luisa Cuesta Gutiérrez
•    Margot Sponer
•    María del Carmen Ruiz de  (María Corredoyra)
•    Amparo Arango
•    Dolores Lorenzo Salgado
•    Sara Leirós Fernández
•    Pura Lorenzana
•    Josefa Iglesias Vilarelle
•    Encarnación Fraga Padín
•    Celsa Pérez Moreiras

Foron socias protectoras :
•    Ángela Santamarian Alducín
•    Emilia Álvarez Álvarez
•    Daría González García-Paz
•    Carmen Pardo Losada
•    Matilde Pondal Araoz
•    Pilar Bermúdez
•    Encarnación Fraga Padín
•    Inés Corral Mariño
•    Mercedes Vilabella

Tampouco esquecemos as usuarias da biblioteca do seminario :
•    Remedios Álvarez Álvarez
•    María Ignacia Ramos Díez (María Silgar)
•    María de los Ángeles Tobío Fernández (María Tobío)
•    Joaquina Rodríguez Caminero

 

Material a reutilizar

Nas ligazóns de embaixo podes atopar o material utilizado na exposición para reutilizalo.

Tamén poñemos á túa disposición unha presentación interactiva bio-bibliográfica sobre o tema, que pode servir como material didáctico.

 

Queres xogar?

Se queres comprobar os teus coñecementos sobre as mulleres do Seminario, atrévete con este cuestionario.

 

Créditos :

Exposición organizada pola Biblioteca de Galicia (outubro 2023-xaneiro 2024)

Comisariado : Carina Fernández Faya

Imaxe Gráfica : Paripepop

Impresión : Tórculo Comunicación Gráfica

Agradecementos : Secretaría Xeral de Política Lingüística, Consello da Cultura Galega