CATÁLOGOS E COLECCIÓNS
Biblioteca de Rodolfo Núñez de las Cuevas
Foto do autor
Foto de autor

A colección chamada Biblioteca Ciencias da terra de Rodolfo Núñez de las Cuevas constitúe unha colección de indubidable valor en por si, tanto polo número de exemplares que contén (unhas 3.062 monografías e folletos, máis de 200 cabeceiras de publicacións seriadas, 90 atlas, mais de 700 mapas, etc.) coma pola especificidade da mesma. Trátase dunha colección moi especializada en cartografía, xeodesia, topografía, xeografía, astronomía, e en tódalas materias que integran as ciencias da terra, en bo estado, con encadernacións coidadas, con moitas pezas de grande interese, como son os mapas cartográficos, unha primeira edición de Geodesia do século XIX, O Diccionario Geográfico de Madoz (16 volumes) publicado entre 1845 e 1850, entre outros moitos.

Biografía

Rodolfo Núñez de las Cuevas naceu en Málaga en 1924. A súa infancia transcorre entre o seu Vilardevós paterno, o Ourense materno e a cidade da Coruña onde o seu pai exerceu de inspector de traballo. Con só 11 anos aprobou o exame de secretario de xulgados municipais na Audiencia Territorial da Coruña (na convocatoria non figuraba o límite inferior de idade), pero nunca exercería esta actividade profesional.

Rematado o bacharelato ingresaría na Academia Xeral Militar de Zaragoza, e graduaríase en 1948 como Tenente de Enxeñeiros, co número un da súa promoción. En 1956 obtivo o diploma de xeodesta militar, tamén co número un da súa promoción. Nese mesmo ano ingresou no corpo nacional de enxeñeiros xeógrafos. En 1956 obtivo o grao de doutor enxeñeiro xeógrafo e, en 1967, por oposición, a cátedra de Representación Cartográfica na Escuela Universitaria de Ingeniería Técnica Topográfica da Universidad Politécnica de Madrid.

Ocupou diversos cargos como o de enxeñeiro do Instituto Geográfico Nacional (IGN) na área de cartografía entre 1957 e 1974, e exerceu como director xeral desta entidade entre 1974 e 1980. Desde o seu ingreso no IGN estivo dedicado á modernización das técnicas cartográficas en España. Introduciu os métodos de cartografía asistida por ordenador (1970). Foi, ademais, investigador principal en proxectos realizados coa NASA (1973-1976) e pioneiro na aplicación e desenvolvemento da teledetección espacial con fins cartográficos (1971), e dirixiu e participou en numerosos traballos e investigacións relacionadas coa cartografía.

Durante o seu mandato como director xeral do IGN, entre outras actuacións relevantes, cabe sinalar o inicio da formación e publicación do Mapa Topográfico Nacional 1:25.000; rematáronse os mapas provinciais a 1:200.000; encetouse a formación de ortoimaxes con fins catastrais; comezouse o Sistema Nacional de Información Geográfica (1975); encetáronse traballos de xeodesia espacial e de investigación no campo da radioastronomía en ondas milimétricas, e leváronse a cabo os primeiros traballos con cartografía dixital e tratamento dixital de imaxes, así mesmo creouse o Departamento de Teledetección Digital.

Na súa etapa de director xeral do IGN creáronse novas instalacións científicas, entre as que cabe destacar a construción dos observatorios astronómicos de Yebes (Guadalajara) e Calar Alto (Almería), o observatorio xeofísico de San Pablo de los Montes (Toledo), o Centro Nacional de Documentación e Información Geográfica, e o inicio das obras do observatorio xeofísico de Güimar (Canarias) e do observatorio hispano-franco-alemán de radioastronomía en ondas milimétricas de Loma de Dilar (Granada). Tamén se encetaron os traballos da Red Sismológica Nacional, o proxecto do Centro Metrológico Nacional e a Ley de Metrología. E polo que se refire a Galicia cabe destacar a creación da Delegación Regional do IGN na Coruña (1979), dotada dos máis modernos equipamentos.

No aspecto docente e investigador, ademais do seu labor como profesor e catedrático da Universidad Politécnica de Madrid, merece destacarse a súa labor como director e profesor de cursos para posgraduados realizados no IGN e en diferentes universidades españolas. Dirixiu a formación dun considerable número de mapas topográficos, temáticos e levantamentos topográficos. E é autor de mais de cen publicacións, artigos e relatorios e director de varias teses de doutoramento.

Foi presidente da VII Conferencia Internacional de Cartografía (Madrid, 1974); Eurocarto VIII (Palma de Mallorca, 1990); III e dos VI Seminarios Europeos de Cartografía do Consello de Europa (Madrid, 1979 e Barcelona, 1986); promotor e membro do Comité de Dirección da XIV Conferencia Internacional de Cartografía (Barcelona, 1995). En 1959 participou na “reunión de Berna”, onde 13 países crearon a Asociación Cartográfica Internacional e da que foi vicepresidente (1972-1976), con máis de sesenta países membros.

Foi tamén presidente do Comité de Expertos en Cartografía, Estatística e Terminoloxía do Consello de Europa (1983-1989); fundador e presidente da Sociedad Española de Cartografía, Fotogrametría e Teledetección; vicepresidente e presidente da Real Sociedad Geográfica; vogal e membro de varias comisións nacionais e internacionais e fundador do Comité Europeo de Responsables da Cartografía Oficial (CERCO), cuxa reunión fundacional organizou en Madrid en 1980.

Está en posesión de varias condecoracións, entre as que destacan: a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X el Sabio; Gran Cruz da Orde do Mérito Civil de España; Gran Cruz do Mérito Civil de Alemaña; a Encomenda de Número de Isabel a Católica e a Cruz do Mérito civil de Francia.

En 1995, a Asociación Cartográfica Internacional outorgoulle a Medalla de Ouro da Asociación e o título de Membro de Honor; en 1996, a Sociedad Española de Cartografía, Fotogrametría y Teledetección concedeulle o título de Membro de Honor; o 4 de novembro de 2002 a Xunta Directiva da Real Sociedad Geográfica, por proposta da Asemblea Xeral, acordou por unanimidade nomealo presidente honorario; o 28 de maio de 2007 a Academia de Desarrollo Costero de México nomeouno académico correspondente, e o 11 de abril de 2008 a Sociedad Mexicana de Geografía y Estadística nomeouno membro honorario.

Doou á Biblioteca de Galicia a súa colección denominada "Biblioteca Ciencias da Terra, Vilardevós".