A biblioteca particular de Xesús Alonso Montero está formado por 5.683 obras con fondos bibliográficos e hemerográficos, dos que 4.430 son publicacións periódicas e 37 manuscritos. Ademais de conter unha variada representación de escritos en galego de todas as épocas, estudos de temática galega e de interese para Galicia de lingüística, historia, socioloxía, teoría política, pedagoxía, arte etc., é tamén rica en letras portuguesas, catalás e hispanoamericanas.
Biografía
Xesús Alonso Montero, fillo de labradores do Ribeiro de Miño, naceu en Vigo o 28 de novembro de 1928 na taberna dos seus pais. Iniciou o bacharelato en Ribadavia, e finalizouno en Vigo (1948), de 1948 a 1953 cursou a licenciatura, con Premio Extraordinario, na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid (especialidade de Filoloxía Románica). En 1956 gañou a cátedra de Lingua e Literatura Españolas da Escola de Maxisterio de Santiago; e, en 1959, a cátedra da mesma materia no Instituto Jorge Manrique, de Palencia, cátedra que, logo, desempeñou en Lugo (1960-1976) e en Vigo (1976-1982). Doutorouse en Salamanca cunha tese sobre Curros Enríquez (1966).
Ingresou no Partido Comunista no ano 1962 en Lugo, onde, no final do franquismo, foi multado gobernativamente varias veces, retido na comisaría en distintas ocasións, despoxado do pasaporte e, en outubro de 1975, destinado administrativamente ó Instituto de Montilla (Córdoba). Encabezou a lista do Partido Comunista na provincia de Lugo nas primeiras eleccións democráticas en 1977. Causou baixa voluntariamente e reingresou formalmente anos despois, sen que neste período intermedio deixase de colaborar intensamente co partido e con Izquierda Unida. Desde 2005 é presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia, adscrito ó partido.
Profesor titular de Literatura Española por concurso-oposición no Colexio Universitario de Vigo en 1984, gañou por oposición a praza de titular de Literatura Galega na Universidade de Santiago en 1989, e, en 1991, a cátedra da mesma materia. Catedrático emérito e Insignia de Ouro da Universidade compostelá desde 1999, en 2010 foi nomeado doutor Honoris Causa pola UNED. En 2005 a Fundación dos Premios da Crítica nomeouno Galego Egrexio.
Elixido en 1984 por unanimidade membro numerario da Real Academia Galega para a cadeira de Rafael Dieste, leu o discurso de ingreso en 1993. Pertence, como socio de honra, ó Ateneo de Ourense (1975), á Sociedade Martins Sarmento (Guimaraes, Portugal. 1991) e á Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde (2008). Desde 1998 é director do Centro de Estudos Rosalianos (Fundación Rosalía de Castro, Padrón).
Polo conxunto da súa obra ou por aspectos dela, foi distinguido cos seguintes galardóns: Premio Ramón Otero Pedrayo (1988), Pedrón de Ouro (1992), Celanova Casa dos Poetas (1993), Xunta de Galicia á Creación Cultural (1994), Irmandade do Libro (1994), Juan Fernández Latorre de Xornalismo (1995), Defensa dos Dereitos Humanos (avogados demócratas da Coruña, 2000), I Premio Roberto Blanco Torres de xornalismo de opinión (1999), o Facho de Ouro (A Coruña, 2010).
Libros seus que recibiron distincións importantes son: As palabras no exilio. Biografia intelectual de Luís Seoane, 1994 (Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio); Airas Nunes volve ó Camiño, poemas, 1994 (Primeiro premio no Segundo Certame Xacobeo de Poesía na modalidade de cantigas ó xeito medieval); Cartas de republicanos galegos condenados a morte, 2009 (Premio Ánxel Casal dos editores galegos ó libro de non ficción e Premio de ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega).
Publicou 50 libros, entre os que cómpre citar: La palabra en la realidad (1963), Realismo y conciencia critica en la literatura gallega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969), Rosalia de Castro (1972), Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), Pedro Petouta. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1974), Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados ... (1982), Celso Emilio Ferreiro (1982), Luís Pimentel: biografia da súa poesia (1990), Estudio literario das Festas Minervais Compostelanas de 1697 (1993), Lingua e literatura galegas na Galicia emigrante (1995), Os poetas galegos e Franco (1997), Oleriana (2000), Versos republicanos e outros versos políticos (2002), Curros Enriquez no franquismo (2003), A batalla de Montevideo (2004), Os escritores galegos e a Guerra Civil española (2006), Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (2006) e Ramón Piiñeiro ou a reinvención da cultura galega (2009). É responsable dun número considerable de edicións e antoloxías de escritores galegos e de colectáneas de textos relacionadas coas Letras galegas. Fóra deste ámbito é autor de traballos sobre Cervantes, Pablo Iglesias, Miguel de Unamuno, Antonio Machado, Tomás Navarro Tomás, García Lorca, CarIes Riba, Salvador Espriu, Eduardo Jorge Bosco, a Institución Libre de Enseñanza, a revista portuguesa O Soneto neo-latino (1929-1933)... Dirixiu dúas coleccións de libros, "Arealonga" e "Arealonguiña", en Akal Editor (Madrid), prologou un número moi elevado de libros, publicou algunhas traducións e pronunciou centos e centos de conferencias en Europa e América. Son moi numerosos os artigos e ensaios de historia e crítica literarias, sociolingüística e socioloxía da cultura recolleitas en actas de congresos e revistas académicas centradas no acontecer cultural galego.
Sobre o labor intelectual do profesor Xesús Alonso Montero existen dúas importantes obras colectivas: Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero (1999) e Ex toto corde. No oitenta aniversario de don Xesús Alonso Montero (2009).
O 20 de abril de 2013 resultou elixido presidente da Real Academia Galega.