A colección profesional da Biblioteca de Galicia comprende os fondos relacionados con Biblioteconomía, Documentación, Arquivística e Museoloxía.
Consulta na sala
A Biblioteca de Galicia pon á disposición da Rede de Bibliotecas un fondo especializado nestas materias non existente nas bibliotecas da localidade do usuario final. A constitución e mantemento desta colección ten como obxectivo facilitar a formación do persoal que traballe en calquera biblioteca de Galicia e alumnos de escolas ou facultades universitarias, así como persoal investigador.
Xa que a Biblioteca de Galicia é de investigación, non de préstamo, este fondo debe consultarse in situ, na sala situada na planta baixa da Biblioteca de Galicia, onde se atopa parte da colección en acceso directo, aínda que algúns títulos se conservan no depósito, polo que se lle deben solicitar ao persoal encargado da sala.
Préstamo interbibliotecario
Outra forma de consulta establécese polo servizo de préstamo interbibliotecario.
A biblioteca peticionaria deberá asegurarse previamente de que a obra solicitada non consta nos catálogos das bibliotecas da súa localidade.
A petición terá todos os datos da publicación necesarios para a súa identificación e localización. No caso de reproducións, deberase indicar o tipo de soporte (fotocopia, electrónico, etc.) no que se desexa recibir.
A petición farase a través do seguinte correo electrónico: bgpi@xunta.gal
A biblioteca peticionaria levará o control dos préstamos efectuados vixentes e a data de devolución. Contabilizará, para os efectos organizativos e estatísticos, o número de obras solicitadas, as demandas satisfeitas e o número de préstamos por cada solicitude. En cada préstamo consignarase o número de publicacións orixinais, o tipo de material de cada publicación e o número de reproducións, e clasificaraas segundo tipo de publicación, monografía, publicación seriada, e o seu soporte.
Custos do servizo
- O préstamo de obras orixinais será gratuíto.
- As reproducións terán o custo acordado nas tarifas aprobadas, que estarán suxeitas a revisións periódicas. As tarifas en vigor serán públicas e estarán á disposición dos usuarios.