AVISOS
09/01/2023
Unha árbore de historias
Cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego

Ata finais de maio a Biblioteca de Galicia acolle unha exposición onde os visitantes poden achegarse a preto de cen obras que simbolizan a evolución da literatura infantil e xuvenil galega. Uns libros que queren ser unha invitación a coñecer mellor a nosa historia literaria, pero tamén un reclamo que nos leve a desfrutar da lectura doutras obras.

 

Como símbolo da exposición plántase unha árbore, unha chea de historias para as que non hai que ser nena ou neno para desfrutalas. Unha árbore que prendeu máis débil no seu comezo pero que actualmente conta cunha follaxe frondosa e con froitos cada vez máis brillantes. O convite que se fai neste percorrido polos libros infantís de noso é de tipo histórico, indo dende os libros pioneiros ata unha selección dos máis actuais, o que tamén permite comprobar como evoluíu o concepto de obra infantil co paso do tempo.

 

O percorrido da exposición comeza nos anos vinte, cos primeiros textos que escribiron Vicente Risco e Filgueira Valverde. Como ano de referencia tómase 1922, no que sae do prelo a revista infantil As Roladas, impulsada por Ramón Cabanillas. A partir de aí pódense visitar ata finais de maio diferentes épocas e xéneros literarios, reencontrarse con vellos coñecidos, como o Balbino de Memorias dun nenos labrego, ou con animais de cores diferentes, como A galiña azul, de Carlos Casares. Os visitantes tamén se poderán atopar con Ramón Lamote ou con pequenas cociñeiras defuntas con miles de lectoras e lectores, como Escarlatina; con coelliños que seguen Alicia e con outros -brancos- que non o fan, con baleas con forma de acordeón ou cun golfiño habitante dun misterioso país submarino.

 

A nosa literatura infantil e xuvenil foi e segue a ser un esforzo colectivo, de autoras, editores, ilustradoras, impresores e tamén de público lector. A exposición da Biblioteca de Galicia pretende homenaxear a todas estas persoas, tratando de achegar aos visitantes algunhas das obras máis significativas da nosa escrita en infantil e xuvenil, descubríndolles outras e tamén sendo conscientes de que aínda quedan magníficos libros nos estantes dos seus depósitos.