AVISOS
09/11/2023
Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia
A Biblioteca de Galicia pon en valor o importante patrimonio das nosas orquestras de verbena

O concepto de festa con verbena é algo ligado a Galicia dende hai séculos. Aínda que hai celebracións que tenden á defensa da tradición orixinal, o fenómeno da verbena está intimamente relacionado coa evolución da tecnoloxía, da sociedade e do consumo de música popular.

 

A emigración do pobo galego fixo das orquestras de verbena unha viaxe de tornavolta, enviando músicos ao estranxeiro e recibindo músicos, bailes e ritmos que chegarían a terras galegas nos anos 50 para ficar e fixarse á nosa identidade. Tendo como orixe as bandas de música, nas primeiras décadas do século XX, estas incorporan músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango. Pouco a pouco, integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras, e desde a segunda metade do século XX inclúen no repertorio músicas como a cumbia, o merengue, o pasodobre, o rock, o pop e hoxe, ritmos coma o reggaeton.

 

Esta historia está contada a partir de soportes custodiados na Biblioteca de Galicia coma programas de festas, fotografías, discos de vinilo, casetes, CDs e sobre todo, carteis. A través destas pezas pódese apreciar a evolución dun xeito de ocio arraigado en Galicia, cun tecido económico-produtivo propio en constante desenvolvemento e innovación.

 

Esta exposición, organizada pola Biblioteca de Galicia e que conta con Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira como comisarios, pretende achegarlles ás persoas que a visiten unha parte dos fondos desta institución da memoria, pouco ou nada tratados academicamente, aínda que cunha fonda pegada na sociedade galega. Un fondo pertencente ás orquestras que tocan dende hai mais dun século non só en Galicia senón chegando a países coma Venezuela, Arxentina, Marrocos, Francia, Suíza ou mesmo Xapón.

 

Estas formacións amenizaron eventos en prestixiosos casinos, salas de festas, programas de televisión e innumerables e necesarias festas en aldeas, vilas e cidades. Así ata chegar a hoxe, coñecidas como orquestras de verbena galega e convertidas no centro de espectáculos audiovisuais con clubs de fans, con xente nova nas comisións de festas, con escenarios móbiles, con repertorios actualizados continuamente. Nalgúns casos, o espectáculo parece que importa máis que o baile coma se se tratara dun Broadway rural, mais o primordial é que collamos parella e bailemos, así que... botamos un baile?